Segundo aparece publicado na web de Educación da Xunta de Galicia:
"A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ampliará de 4 a 6 anos a vixencia dos libros de texto e materiais curriculares, unha medida de apoio ás economías familiares no difícil contexto actual. Desta forma o departamento educativo da Xunta de Galicia dá pulo á política social que mantén respecto da adquisición por parte das familias dos manuais escolares, fundamentada nas bases do programa de ‘Gratuidade Solidaria’, o que ofrece ás nais e pais unha das axudas máis altas de todo o Estado para a compra destes materiais. O período de vixencia de seis cursos académicos será de aplicación a partir do vindeiro curso 2013/2014, procurando adiar o cambio de libros ata a aprobación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), que podería introducir modificacións nos currículos.
A permanencia dos mesmos libros de texto no centro durante unha etapa prudencial contribúe a permitir o uso por distintos membros da familia. Así mesmo, favorécese a transmisión ao alumnado, dende as primeiras etapas da súa formación, da cultura xeral do uso racional e sostible, dos recursos, facéndoo dende un ámbito tan determinante para o seu desenvolvemento futuro como é o educativo, beneficiando directamente ao alumnado e familias en xeral.
A substitución no citado período só poderá realizarse motivadamente atendendo a circunstancias excepcionais ou de carácter pedagóxico ou científico que o aconsellen e así se estableza pola Consellería"