Hoxe publícase no DOG a ORDE do 25 de agosto de 2015 pola que se
convocan axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao
alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria
obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos
públicos para o curso escolar 2015/16.
A Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria concederá unha axuda por importe de 50 euros
por alumno/a que reúna os requisitos previstos nesta orde, cando a renda
per cápita familiar no ano 2013 sexa igual ou inferior a 5.400 euros.
Lugar e prazo de presentación de solicitudes:
- Os formularios de solicitude poderán obterse na guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e tamén se poderán descargar en formato PDF do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es
- As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro en que estea matriculado o alumno ou alumna, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) .
- O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Pódense presentar a partir do 2 de setembro de 2015
A documentación que hai que achegar xunto á solicitude será a seguinte:
- Copia do DNI ou NIE dos membros computables da unidade familiar, cando non autoricen a consulta telemática.
- Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables da unidade familiar.
Só no caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar, no día 31 de decembro de 2013, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.2º. Certificado ou volante de convivencia.3º. Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia que acredite a situación familiar.
- Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do ano 2013 ou, na falta desta, o certificado tributario de imputacións dos membros computables da unidade familiar distintos da persoa solicitante, cando non autoricen a consulta telemática.
- No caso de discapacidade igual ou superior ao 33 % dalgún membro da unidade familiar, incluído/a o/a alumno/a, deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia en 31 de decembro de 2013:
1º. Certificado emitido polo órgano competente.2º. Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de percepción de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou3º. Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
- No caso de situación de violencia de xénero no ámbito familiar: documentación acreditativa.